Onte chegamos ao final da primeira volta na terceira división galega. Aquí en A Bancada, imos a ver algunhas das curiosidades e dos datos que nos deixou esta primeira parte da tempada.
Récord de imbatibilidade de Pato Guillén
A SD Compostela dominou a primeira volta da división, conseguindo ser campión de inverno. O segredo deste dominio podémolo fundamentar en dúas claves: a primeira de elas sería o fortín que teñen montado no seu estadio. San Lázaro converteuse nun lugar onde equipo que pasa, equipo que perde. Son 10 os partidos que o Compostela leva xogados nel, e 10 os partidos que gañou, 30 puntos de 30 que axudan moito a manterse no alto da táboa.
E a segunda clave, destacando o aspecto defensivo, sería tanto a súa defensa como o protagonista deste apartado, o seu porteiro Pato Guillén. Na xornada 9 recibiu dous goles, nos que puido facer moito máis, contra o Estradense. Dende aquela, e como se de un acto de reivindicación se tratase, o uruguaio encadeou 8 partidos completos sen encaixar un gol e parte do partido contra o Ourense. Deixou así unha cifra de 798 minutos na que lle puxo o pecho a portería compostelán, e que serviu para superar o récord do antigo porteiro da SD, Docobo (652’).

Un Ourense de play-off
O equipo que máis mellorou dende a tempada pasada ata esta, é o Ourense CF. O ano pasado a estas alturas o equipo ourensán levaba 26 puntos ocupando a décima praza da táboa, este ano con 15 puntos máis, o equipo sitúase no segundo posto con 41 puntos perseguindo ao líder. A mellora é considerable, e de feito, son moitos os que pensan que podería dar a sorpresa podendo levar á Cidade das Burgas o campionato do grupo 1 da terceira división, froito da boa xestión deportiva do club.

Os temporais en Galicia
Como se pode observar na táboa, hai equipos que aínda non remataron a primeira volta, corresponden os partidos da xornada 17: Polvorín – R. Vilalbés, Barco – Pontellas, Fabril – Paiosaco e Somozas – Arenteiro. Isto débese á borrasca explosiva Fabien que bateu en Galicia no mes de decembro. A Federación Galega decidiu que non se podían xogar os partidos nesas condicións.
Dende logo, na terceira galega, todos os anos temos bo fútbol e mal tempo, isto e parte da nosa Galicia! Supoño que tamén forma parte do encanto da división.
Decepción no Bergantiños
Se antes falabamos do Ourense como o equipo que máis mellorara dun ano a outro, agora tócanos mencionar a súa antítese, o equipo que máis empeorou. Para atopalo, viaxamos ao norte de Galicia, ese equipo é o Bergantiños que o ano pasado estaba disputando o título de liga con 42 puntos, e este ano está nunha realidade moi distinta con 20, loitando por non descender.
Esta mala situación deportiva do club xa se cobrou dous adestradores, o primeiro Miguel Figueira, o segundo Borja Facal que foi destituído onte 12 de xaneiro. Veremos se de cara á segunda volta, e co novo adestrador José Luis Lemos, son capaces de remontar a situación e mirar un pouco cara arriba.
