Entrevista á directiva do Ourense CF
Esta é unha semana moi especial para A Bancada. Entre outras sorpresas que están por chegar, hoxe traemos unha entrevista coa directiva do Ourense CF (contacto en todo momento por escrito, polo tanto respostas literais).
Con motivo do derbi que desfrutaremos esta fin de semana, decidín contactar cos dous equipos da cidade das Burgas para coñecer máis de eles. O Ourense CF, respondeume a esta serie de preguntas que lles mandei.
PREGUNTA – Ascender á Segunda “B” actualmente é unha posibilidade. Que suporía tanto no social coma no deportivo para o club devolver á Segunda “B” á cidade seis anos despois?
RESPUESTA – Xogar a nosa cuarta promoción de ascenso a Segunda B suporía cumprir o obxectivo marcado a principio da tempada que era intentar loitar por quedar entre os 4 primeiros. Ascender sería un gran broche para o club e para o traballo do corpo técnico e xogadores pero somos conscientes da dificultade de dar o salto de categoría e sempre nos propomos mellorar a clasificación con respecto a tempada anterior. A cidade merécese un equipo en Segunda B pero non temos que ser nós, o traballo que realizan o resto de clubs de Ourense tamén o merecen, Arenteiro, UD Ourense ou CD Barco traballan tanto como nós para un futuro ascenso.
P – Economicamente, que suporía para o club un hipotético ascenso á Segunda B?
R – As axudas en Segunda B son maiores en canto o reparto televisivo e para a partida específica de axudas de Seguridade Social que no noso caso é unha parte importante do presuposto e a Terceira non ten axudas neste apartado.
Como para calquera club un ascenso sería un paso máis para estar máis preto do profesionalismo, con todo o que iso implica.
P – Creceu a masa social dende a desaparición do antigo CD Ourense?
R – Nos temos unha masa social consolidada que pouco a pouco vai crecendo e iso pode verse polo asistencia ao campo, este crecemento débese ao traballo de moita xente dentro do club por facer as cousas o mellor posible. Pode ser que os resultados axuden pois son moitos os afeccionados que fixeron o carné para a segunda volta tanto de Ourense como de fóra.
Temos máis de 400 familias na base e non todas ven os fines de semana ós primeiros equipos, e importante coidar os equipos da base que fan moitos quilómetros. Con este queremos dicir que tan importante é para nós o primeiro equipo como os equipos da base e que moitas familias están moi implicadas co club e ese é un tesouro que debemos coidar.
P – Con cantos socios conta o club actualmente?
R – 728
P – Vedes xusto, ou entendedes que se diga que vos habedes apropiado da identidade do antigo Ourense?
R – Temos 42 anos de historia baixo un mesmo NIF cumprindo tódalas obrigacións tributarias, legais, deportivas e tratando de apoiar a todos los proxectos da cidade de Ourense. Sempre apoiamos as iniciativas deportivas , culturais e benéficas de Ourense.
O longo desde anos sempre participamos en tódalas accións que nos propoñen (asociación contra o cancro AECC, andainas solidarias da cruz vermella, Sergas, partidos benéficos, carreira das cidades para lograr fondos para investigación contra o cancro, Sportur Galicia, Xantar … ) realizamos varios torneos para a base como o Memorial Patelo e a Termal Cup un torneo onde pasaron varios dos mellores equipos de Galicia e algúns de fora de Galicia e de Portugal … Somos un club que naceu no Barrio da Ponte. Fundouse como como Puente C.F., coa conversión en SAD pasou a denominarse Ponte Ourense C.F. e posteriormente Ourense C.F. coa intención sempre de levar o nome do club e da cidade o máis arriba posible dentro das nosas posibilidades e sumando nunca restando, xogadores, bases, familias, afeccionados son ourensáns como o que máis. #OurenseSomosTodos

P – En algún momento habedes valorado mercar os dereitos para utilizar o escudo, cores, historia etc… do CD Ourense?
R – NON.
O Ourense Club de Fútbol ten as súas raíces no Barrio da Ponte e orgullosos que estamos do noso barrio e da nosa cidade. 42 años de historia e nas nosas vitrinas contamos con campionatos de España, campionatos galegos, ascensos en tódalas categorías de fútbol base.
Ao longo da historia modificamos o noso escudo en 2 ocasión e as cores tamén en 2 ocasións sempre buscando mellorar. Nos debemos esquecer que o noso club , escudo e cores viaxan por toda España ademais de por toda Galicia grazas os nosos equipos femininos. Nos apoiamos o deporte feminino con feitos ano tras ano.
P – Según me dixéstedes, queda claro que son 3 puntos máis. Pero ao final un derbi é un derbi. A afección está con gañas?
R – Está claro que son tres puntos, pero un derbi é un derbi como ben dis, e nótase no ambiente, e a expectación que xenera este partido na cidade, o cal debe ser un motivo de orgullo para a mesma e a oportunidade de amosarlle novamente a toda Galicia o civismo e a deportividade dos ourensáns. Ó final tan so é fútbol non debemos esquecelo.
P – Cal é o proxecto a largo prazo?
R – Crecer nas categorías superiores sen esquecer o traballo da base. Somos un dos clubs galegos con máis fichas de base e debemos ter moi presente a confianza que depositan en nós os pais
Crecer pouco a pouco e ir profesionalizando tódalas estruturas do club.
Temos adestradores coa titulación exixida e a máxima cualificación, psicólogo deportivo a disposición dos pais, nutricionista e un corpo técnico que busca que os nenos e nenas crezan no deportivo.
Tamén queremos loitar pola profesionalización do fútbol sala feminino.
P – Cal é a situación económica actual do club?
R – Como tódolos clubs desta categoría é moi complicado equilibrar os ingresos e os gastos. Temos moitos equipos de base que fan tódolos fines de semana moitos quilómetros e para nós son igual de importantes que os primeiros equipos.
É incrible e pouco recoñecido por exemplo o esforzo das nosas xogadoras de Primeira e Segunda División de Fútbol sala cada semana pasando noites enteiras en autobuses. Faltaría máis apoio empresarial e institucional para estes rapaces e rapazas que levan o nome de Ourense por toda España.
P – Vaise decidir a liga en San Lázaro no Compostela-Ourense da última xornada?
R – A liga decídese cada fin de semana, posto que vemos que nesta terceira galega non hai un partido fácil, e os marcadores salvo raras excepcións son moi igualados, por iso non se sabe onde se decide, pero o fundamental é a regularidade, coidamos que é ahí onde se decide, e niso ata o de agora, o Compos está sendo o mellor como demostra a táboa clasificatoria, pero no obstante, respondendo xusto a ese partido, dígoche que ogallá sexa así, e máis, onde hai que asinar?.

