Hoxe imos coñecer ao Club Deportivo Arenteiro. Trátase dun club da vila do Carballiño (Ourense) que xoga os seus partidos no campo do Espiñedo e que é o equipo que se postula como un dos favoritos ao ascenso á segunda b nesta tempada 2020/21.

O Arenteiro fúndase no ano 1958, é herdeiro do antigo Sporting Carballiño e recibe o nome actual polo río que atravesa a Vila, o río Arenteiro. Como curiosidade, podemos dicir que o equipo recibiu o nome de Club Deportivo Carballiño do ano 1990 ao 2005.
Esta será a décimo novena campaña do Arenteiro na terceira división, división na que xogou a súa primeira tempada no ano 1965 e que non volvería a pisar ata 1980. Sete anos despois, tras conseguir proclamarse subcampión da terceira e grazas á ampliación da segunda b de 1 a 4 grupos, conseguiu o ascenso directo á actual categoría de bronce do fútbol español.

Chegaría entón á mellor posición da historia do club, cun décimo sexto posto na segunda b na tempada 1987/88. Ao ano seguinte non puideron repetir a fazaña de salvarse na segunda b e caeron de novo á terceira galega. Nas seguintes campañas trataron de ascender de novo a Segunda B, perdendo na tempada 1991/92 e na 1992/93 na liguilla de ascenso. Finalmente, na seguinte tempada descenden de categoría á preferente e chegan máis de dúas décadas lonxe da terceira división, ata o seu regreso na tempada 2016/17.
Este ano, o club está apostando fortemente por facer unha plantilla competitiva que lle permita soñar con volver á categoría da segunda b. Preséntase así unha tempada moi ilusionante para os afeccionados do club do Espiñedo, que vibrarán cun equipo comandado por Fran Justo, adestrador que estivo as últimas 4 tempadas no banquillo do Ourense CF, nas que conseguiu un ascenso de preferente a terceira e unha fase de ascenso a segunda b na última tempada. Xuntará este ano tamén no seu plantel a xogadores como Javi Pazos, Alassane Sylla, Manu Mariña ou Daniel Portela. Moitas fichaxes que lle dan unha cara nova ao equipo e que veñen ca idea de lograr este ano o ascenso do club verde.
