Dous centrales cun mesmo destino…

Non está sendo un mercado de fichaxes sinxelo para o Celta de Vigo, que está traballando arreo para reforzar o plantel celeste ca liga xa comezada. Restan apenas 20 días para o peche de mercado e o equipo vigués non foi quen de concretar os reforzos máis desexados tanto pola afección coma pola propia dirección do club. Unha das posicións que se precisa reforzar con maior urxencia é a de central. Atopamos aquí as dúas opcións máis soadas e posibles a día de hoxe: a de Jeison Murillo, coñecido pola afección celeste tras ser chave na salvación do equipo o ano pasado, e a do arxentino Martínez Quarta, un xoven central seguido pola dirección deportiva nos últimos anos.

Jeison Murillo

Máis de dous meses dura xa o “culebrón Murillo” en Vigo. O xogador cafetero trátase do central polo que suspira o adestrador Óscar García, quen ten eloxiado a súa gran capacidade de liderazgo, tanto dentro coma fora do campo. O ano pasado Murillo foi clave en mellorar a defensa celeste, algo que era moi necesario no parón invernal para poder conseguir a salvación.

Sen embargo, a operación estase complicando polas altas pretensións da Sampdoria e porque Murillo estase cansando de esperar, feito polo que o xogador empezou a valorar novas opcións. Unha delas xa coñecida, o Valencia CF, que tamén está intentando a fichaxe do central colombiano.

Dende a prensa valenciana chegouse a confirmar a fichaxe do xogador o pasado fin de semana, tras velo chegar no aeroporto de Manises. Máis tarde descubriuse que o xogador viaxaba a Valencia para asistir á festa de aniversario da súa esposa, xa que a súa familia reside na cidade do Turia. As novas informacións dende a prensa valenciana indican que Peter Lim paralizou a operación xa a súa intención é que non se gaste nada en ningunha incorporación e que todas cheguen mediante cesión ou coste 0.

Jeison Murillo nun partido co R.C. Celta a pasada tempada.

Lucas Martínez Quarta

Este central milita actualmente no grande arxentino River Plate, ten 24 anos e agrada moito a dirección deportiva, xa que se pensa que podería encaixar moi ben nos plans de Óscar. O Celta, que xa leva unhas cantas tempadas detrás do xogador, comezou ofrecendo ao club arxentino 5’5 millóns pola metade do pase do xogador. A oferta foi rexeitada e a cantidade foi subindo ata pasar a facer que o club olívico se plantexe acabar facéndose con practicamente a totalidade do pase do xogador.

Dende arxentina dise que o River Plate non deixará saír a unha peza clave da súa defensa por menos de 6 millóns limpos, pero o Celta xoga a favor as cartas de que o xoven central está como tolo por xogar en Europa e que ademais acabará contrato o próximo mes de xuño, algo que outorga ao River Plate a necesidade de vender este ano para sacar algo polo xogador.

Lucas ten gañas de probar novas sensacións nunha liga europea.

Outras urxencias

Ademais da posición de central, o club tamén busca reforzar o mediocampo e o ataque. Algúns dos nomes que sonan para o centro do campo son Lucas Robertone, outra xoven promesa arxentina que pertence a Vélez, ou Monchu Rodríguez, centrocampista balear da Masía que, despois da súa boa tempada, buscará dar o salto á primeira división.

No ataque tamén é necesario atopar algún reforzo para evitar a situación de emerxencia vivida nas últimas dúas tempadas, cando Iago Aspas non estivo dispoñible. O principal obxectivo da dirección deportiva é Carlos Fernández, o canteiran sevillista que fixo unha moi boa tempada o ano pasado no Granada e tamén se abriron as opcións de Zé Luís ou William José.

Publicado por A Bancada

Todo o fútbol galego e en galego nunha conta. 💙💙 - Celta, Depor, Lugo, 2°B e 3a - Actualidade - Curiosidades - Resultados #ABancada

Deja un comentario

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar