Co motivo do macrosorteo que farei para celebrar os 1.000 seguidores que xa somos no twitter da Bancada, esta semana fun buscar a Santa Mariña dous produtos da tenda do club que imos coñecer hoxe, o Club Deportivo Choco.

A primeira referencia dun club chamado Choco en Redondela é do ano 1932, na que se fundou o Choco FC, desaparecido dous anos despois. Non obstante, debemos remontarnos ao ano 1953 para atopar o ano de fundación do actual CD Choco. Club nacido na vila de Redondela e que no seu emblema, leva o animal que tamén lle da nome ó club: un “choco”, tradicional na vila e entre os pescadores da zona.
Este club, comezou moi pronto a competir na terceira división, pois no ano 1959/60 xa conseguiu o ascenso dende a terceira categoría. Esta naquel entón era a división de bronce do fútbol español ao non haber aínda a segunda b. Nela durou dúas tempadas, descendendo na 1961/62 e recuperando na tempada seguinte o seu posto na terceira galega, na que despois botou 3 tempadas. Despois, co descenso na 1965/66, chegaron 11 anos lonxe da categoría de bronce ata o ano 1978/79, no que volve a conseguir o ascenso. A alegría durou pouco, pois volveron descender na tempada seguinte dando inicio á etapa máis escura do club, que vai dende a tempada 1981/82 ata o 2012/13, etapa na que vagan polas divisións rexionais alcanzando o seu peor posto histórico na tempada 1995/96 na que acadan un terceiro posto na segunda rexional.
Na tempada 2013/2014, grazas ao ascenso dende preferente na 2012/13 que da final a esta etapa escura, volven a competir na terceira galega. A día de hoxe, o CD Choco segue competindo nesta categoría na que acumula 12 tempadas, 6 delas consecutivas sendo o mellor rexistro do club. Durante estas seis tempadas, tamén se conseguiu o mellor posto histórico, pois no ano 2014/15 acadou un segundo posto logrando a posibilidade de competir polo ascenso á Segunda B. Desafortunadamente, o club quedou eliminado contra o Extremadura U.D. cun global de 3-5.

Actualmente, o club conta cun proxecto consolidado onde non sería unha sorpresa velos loitar polos postos de play-off de ascenso á Segunda RFEF. Dende A Bancada desexámoslle toda a sorte do mundo a un club que nos tratou xenial. Esperamos poder ir a velos nun partido axiña e gravar algo máis sobre este curioso club de Redondela.