Esta Segunda B está a depararnos moitas sorpresas, os tres equipos que actualmente lideran o subgrupo A son tres dos catro equipos con menos valor de mercado do mesmo, o Deportivo que era o completo favorito para ser líder está a sufrir moitísimo a falta de experiencia na categoría e outro dos equipos que era favorito para competir ese primeiro posto está agora mesmo en situación de irse a loitar por xogar en 2ª RFEF, trátase do Pontevedra CF.

O club granate atópase sétimo na táboa clasificatoria cunhas sensacións de que lonxe de remontar a situación, podería ir a peor. O club de Pasarón acumula sete partidos sen gañar, a última vitoria que os afeccionados pontevedreses puideron celebrar foi a colleitada contra o Salamanca UDS na casa o día 22 de novembro. Dende entón, o club non levantou cabeza e afundiuse ata a situación na que se atopa actualmente. A última derrota chegou onte no Ruta de la Plata contra o Zamora, o club pontevedrés mostrouse un equipo frouxo incapaz de recoñecer os erros que lle estaban levando a sumar un novo revés aos intereses do club galego, ao largo do partido so lograron incomodar ao equipo local nunha ocasión cando Charles errou unha ocasión clara de gol por encima dos tres paos.
Nesta situación, queda moi delicada a permanencia de Jesús Ramos no banquillo de Pasarón. Onte despois do partido houbo xuntanza do consello de administración do Pontevedra para decidir o seu futuro. Hoxe adestrou pola maña coa plantilla e esperábase que houbese noticias pola tarde, pero polo momento non saíu ningún comunicado que adiante o futuro que terá Jesús Ramos. Non obstante, si que saíron bastantes rumores dos nomes que o poderían sustituir no posto de adestrador, entre eles atopamos a Luisito ou a Patxi Salinas.

Haberá que seguir moi de preto cal e o camiño que lle espera ao Pontevedra esta tempada que dende logo, a día de hoxe, non ten moi boa pinta e pese a que chegar aos tres primeiros postos aínda é posible, sería máis lóxico asegurar primeiro outros obxectivos mínimos que manteñan ao club na categoría sen meterse no problema de ter que pelexar por inclusive, non baixar dúas. O club de Pasarón, aínda está a tempo de salvar a tempada.