Este domingo ás 17:00 o Deportivo da Coruña recibirá ao Guijuelo en Riazor. Este será o quinto partido no que Rubén de la Barrera se sentará no banco branquiazul e que suporá un novo e tardío intento de dicir iso de “adestrador novo, vitoria segura”.
Este partido trátase dunha auténtica final a vida ou morte para ambos equipos. O Deportivo necesita gañar se non se quere despedir definitivamente do obxectivo de acabar entre os tres primeiros que, actualmente semella tan difícil. O rival para volver á senda da vitoria, non parece a priori mal cliente. O Guijuelo é actualmente o colista do grupo e non so iso, trátase tamén do peor visitante, sumando dous empates e catro derrotas. O último empate dos chacineros chegou en Pasarón contra o Pontevedra, nun partido onde os granates mereceron máis pero a falta de gol volveu facer acto de presenza.
Non obstante, o Deportivo tampouco ten números dos que presumir. O club herculino suma sete partidos sen gañar na liga e cinco sen romper a rede rival. Desta xeira, os catro últimos partidos foron xa baixo o mandato de Rubén de la Barrera, que sen coñecer aínda a vitoria suma dous empates e dúas derrotas, polo que este partido adquire especial relevancia para el podendo perigar a súa continuidade.
A afección tira de calculadora.
O Deportivo, continúa a facer números para ver que necesitarán para entrar entre os tres primeiros. A falta de cinco partidos, e a expensas do que faga nos partidos adiados o Celta “B” o Depor está a dous puntos do terceiro clasificado que é o Compostela e o equipo branquiazul podería chegar a necesitar as quince puntos que quedan en xogo, xa que Unionistas líder do grupo está moi escapado e Zamora, Compostela e Celta “B” parecen pasar por grandes momentos de forma. A pesar de ser real a posibilidade de poder optar aínda ao ascenso, moita xente na Coruña empeza a ser cauto e pensar en cotas máis baixas como asegurar a continuidade na primeira federación o ano que ven. Actualmente o club atópase na clasificación xeral do grupo 1 en posición de descenso á segunda federación, e non gañar contra o Guijuelo faría ver máis de cerca esta decepcionante realidade.
Augas revoltas no institucional, de novo…
O Deportivo chega despois dunha semana convulsa, despois da derrota no Vao contra o Coruxo, volveuse a dar un novo relevo no consello de administración do club. O luns entrada mañana coñecíase a nova de que se convocaba aos medios de comunicación para una rolda de prensa do antigo consello de administración pola tarde, os rumores de que o consello de administración de Fernando Vidal dimitiría comezaban a soar cada vez máis forte e chegadas as 18h fixéronse realidade. Non acabara a rolda de prensa cando xa se publicara cal sería o novo consello de administración, o cal estará presidido por Antonio Couceiro.
Raúl L.