Hoxe é sábado, polo tanto, xa sabemos o que toca: hoxe coñeceremos outro equipo da nosa fermosa xeografía galega. Con motivo da celebración do partido polo campionato da preferente galega 2019/20 o pasado fin de semana, decidín coñecer un pouco máis ao equipo que saíu campión, o CD Ribadumia, procedente da provincia de Pontevedra. A maiores, tráiovos unha entrevista co seu adestrador Luis Carro, preguntándolle sobre a actualidade do club.
O club naceu no ano 1959, no seno dun grupo de veciños coa idea de crear un equipo que fixese fronte ao seu rival histórico, o Umia CF, tamén coñecido como Barrantes. O Umis FC monopolizaba o fútbol ribadumiense por aquel entón, así que decidiron poñer en marcha este proxecto dun novo equipo no concello, pese ás limitacións de medios técnicos e económicos.

Pouco a pouco este proxecto foi collendo forma e o Ribadumia foi obtendo bos resultados deportivos e económicos. Dende o 1994 ata o 2014 dánse os 20 anos dourados do club, xa que este foi quen de conseguir 3 ascensos históricos. O primeiro deles foi na tempada 1993/94, ascendendo á primeira rexional. Na tempada 2007/08 ascenderon a rexional preferente e, finalmente, chegou o ascenso á terceira división no ano 2013/14.
Seis tempadas despois, o Ribadumia caeu a preferente galega. Sen embargo, o pasado domingo proclamouse campión da preferente galega 2019/20, levándolle tan só unha tempada retornar á terceira galega, ademais de gañarse un posto na Copa do Rei por primeira vez na historia do club. Esta será a séptima tempada do Ribadumia na terceira galega.

Tanto Luis Carro como o seu corpo técnico aseguran que o obxectivo do club neste curso debe de ser buscar a permanencia na categoría. Luis contábanos: “Vai ser moi complicado para un equipo coma nós, cun dos presupostos máis baixos da categoría e nunha tempada na que hai 8 descensos”.
O primeiro partido do Ribadumia esta tempada é mañan, domingo 18 de outubro, contra o Ourense CF, equipo que o ano pasado quedou a un partido de poder ascender á segunda B e que este ano intentará repetir obxectivo. Seguiremos moi de cerca a actualidade do noso protagonista de hoxe, así como a do resto de equipos da terceira galega, aquí, no teu espazo de fútbol galego, na Bancada.